lunes, 30 de marzo de 2020

Tarefas semanais

Como estades queridos nenos e nenas? Eu moi ben, aproveitando para facer aquelas cousas para as que antes non tiña tanto tempo. Así que estou lendo moitos libros, fago bastante deporte cos materiais que teño pola casa e ata incluso estou tocando algún instrumento. Cando nos volvamos a ver, falarei coa profe Bego e faremos un gran concerto. 

Esta semana propóñovos tarefas nas que tedes que "darlle ao coco".  

1- Para a primeira delas ides a necesitar un metro ou cinta métrica, unha folla cuadriculada (o máis grande posible),  un lapis e unha goma. Botádelle un ollo a este vídeo que vos dará pistas sobre o que tedes que facer. 


Imos ir pouco a pouco, así que para comezar ides a representar na folla cuadriculada a vosa habitación tendo en conta as medidas das paredes, da cama, das mesiñas, do armario e dos obxectos que teñades nela. Para que esta representación sexa proporcional, tomade como referencia que cada cadriño son 10 centímetros (1 cadro=10cm).  

Vai ser importante que vaiades comprobando que as distancias entre obxectos son as que medistedes co metro e que fagades múltiplos do 10 constantemente. Por exemplo: se a cama mide 120 cm teredes que empregar 12 cadriños. 

Unha vez feito, podédelo decorar ao voso gusto ou animarse a representar outras estancias da casa. 

2- O segundo conxunto de tarefas teñen que ver con contidos xa tratados e coa resolución de problemas. Collede agora as libretas e facede os exercicios da Páxina 90 (Exercicios 8, 9 e 10) e os problemas da Páxina 93 (7, 8, 9, 10 e 11). Recorda ler con calma o problema, facer unha segunda lectura se non se entendeu ben e logo identificar os datos que necesitas para resolvelo. 

Non teñas presa, tes todo o tempo do mundo!!!

Moito ánimo e recorda que se tes dúbidas, estou aquí para resolvelas. 
Unha forte aperta! Toño. 

miércoles, 25 de marzo de 2020

Xogos para repasar as táboas

Como van esas táboas? Todo controlado?

Unha boa opción para seguir mellorando pode ser practicando con algúns dos xogos que vos propuxen na entrada das táboas (pica aquí para acceder).


Aquí vos deixo un deles para que non deixedes de "disparar resultados" : xogo de táboas de multiplicar (pica nas letras para xogar).

Multiplicacións: Estimación de productos

Nesta entrada imos a repasar a estimación a decenas, centenas e millares como xa vimos na clase, pero desta vez estimando productos. No vídeo que tedes a continuación faise un repaso sobre como realizar estas sinxelas operacións. 


Agora, é o teu momento. Colle o libro e a libreta e trata de aplicar estes conceptos. Para elo, realiza os exercicios da Páxina 86 (Exercicio 1) e Páxina 87 (Exercicio 4, 5 e 6,   así como o cálculo mental). 

IMPORTANTE: realiza en 1° lugar o CÁLCULO MENTAL da páxina 87 e verás como resolver as actividades que vos propoño e pan comido. 

Moito ánimo Mouchanciños.


lunes, 23 de marzo de 2020

EF na Casa

Moi boas a todos rapaces!!! Seguro que moitas e moitos de vós estades pensando, que vai pasar coas  clases de Educación Física? 

Pois ben, lamentablemente, durante estes días  non poderedes estar xogando na rúa nin poderedes facer actividade física con outros amigos porque todos debemos ser responsables e ficar na casa . 

A pesares disto, na casa tamén podemos realizar actividade física de moitos xeitos. A continuación, déixovos unhas ideas de actividades e xogos para manter a forma e que evitedes así o emprego abusivo de pantallas e dispositivos electrónicos. 

As actividades están clasificadas por BLOQUES TEMÁTICOS  para que fagades as que máis vos gusten, as que poidades facer en función da vosa vivenda ou simplemente vos resulten máis doadas de facer. Algunhas delas conteñen vídeos explicativos. Para velos, só tedes que picar nas palabras que aparecen en azul. 

EDUCACIÓN INFANTIL
  1. Xogar ás  “estatuas musicais”.
  2. Crear un sendeiro de obstáculos e camiñar sobre eles en equilibrio, facer zig- zag, saltalos, gatear como diferentes animais dun punto a outro.
  1. Camiñar sobre liñas (rectas, curvas, zig-zag) construídas con cinta adhesiva .
  2. Xogos para mellorar  motricidade grosa.
  3. Xogos para mellorar a motricidade fina.
  4. Xogar ao “tiburón”.
  5. Xogar ao “crocodilo durmiñón”.
  6.  Xogar ao “escondite inglés”.
XOGOS POPULARES e TRADICIONAIS
  1. Xogar ao “escondite” por toda a casa.
  2. Carreiras ou circuítos de “chapas” (coma as que fixemos na escola).
  3. Xogar ás “canicas”.
  4. Xogar aos “trompos”. Se picades aquí podedes recordar as dúas formas de envolvelo que vos ensinei. 
  5. Xogar á “pita cega”.
  6. Xogar ao “xogo da cadea” ou dos “átomos”.
  7. Calquera outro xogo de persecución que recordedes. Sempre que haxa espazo e non haxa perigo de mancarse ou romper algo.

CONDICIÓN FÍSICA
  1. Realizar cada mañá exercicios de mobilidade articular, como os que facemos antes de comezar moitas das clases de EF.
  2. Rutina de  10´ de exercicios: para manter a túa condición física e traballar todo o teu corpo. 
  3. Traballo de forza e  flexibilidade con  movementos funcionais
  4. Realizar exercicios de forza ou de Pilates.
  5. Facer "Ioga".
  6. Facer un “circuíto de obstáculos” (con ramas, pedras, cadeiras, pelotas, trapos, etc.). Intenta aumentar o número de voltas cada día e e anotar nunha folla de rexistro similar ao “TIRAMILLAS” que fixemos no cole. 
  7. Subir e baixar as escaleiras da casa (facer algunhas series).
  8. Se tes xardín ou horta, axuda nesas labores aos teus familiares. Mellora a túa  forza, resistencia e flexibilidade practicando o “crossfit do rural”.
  9. Por suposto, se tes unha bicicleta estática, unha elíptica ou unha cinta de correr non deixes que colla polvo e supérate cada día.
HABILIDADES MOTRICES
    1. Retos motrices en familia: ver quen salta máis alto ou mantén o equilibrio nunha posición determinada por máis tempo.
  1. Retos con balón ou globos: ver quen dá máis toques sen que caia.  Sempre coa seguridade de NON romper nada da casa.
  2. Practicar "Stacking" para mellorar a coordinación óculo- manual.
  3. Deseñar algún circuíto (co material que consideres) que implique tarefas de equilibrio. Os de 5º e 6º podedes botarlle un ollo a este vídeo de "Slackline" e á volta contádesme que vos parece.
  4. Saltar á comba nun espazo seguro.
  5. Facer xogos coa “goma”. Neste caso terás que facer un traballo de investigación preguntándolle á túa familia que xogos recordan eles dos seus tempos na escola.
  6.  Xogos de lanzamento na papeleira da habitación.
  7.  Xogos de puntería caseiros.
  8.  Deseñar algún trazado de Parkour.
  9.  Fabricar unha mesa de Ping Pong.

EXPRESIÓN CORPORAL
  1. Aprender e practicar Zumba..
  2. Preparar bailes e coreografías coas vosas cancións favoritas.
  3. Retos de baile con Just Dance ou Dance Central.
  4. Facer imitacións de animais, persoas ou obxectos. 
  5.  Xogar ao “espello”.
  6. Disfrazarte do que queiras e preparar unha pequena obra de teatro.

CREACIÓN DE MATERIAL E NOVOS XOGUETES
  1. Crear uns zancos.
  2. Preparar unhas bolas de malabares e practicar moito.
  3. Xogos de puntería caseiros.

Recordade que para gozar dunha mellor saúde é moi importante manterse activos. Como estes días imos a reducir o noso ritmo de actividade,  é máis importante si cabe manter unha vida activa dentro das nosas posibilidades. 

Pouco a pouco irei ampliando esta entrada con máis acitivades e xogos, pero con estas que vos propoño creo que xa tedes para esta semana. 


Confío na vosa creatividade para argallar unhas estupendas clases de Educación Física cos materiais que tedes ao voso alcance.
Non me defraudedes. Unha aperta rapaces!

miércoles, 18 de marzo de 2020

Problemas de 2 ou máis operacións.

Moi boas a todos familias! 
Hoxe déixovos un pequeno vídeo onde se fai un repaso dos problemas que requiren varias operacións. Miradeo con atención e logo poñede en práctica as vosas habilidades. 



Agora é o momento de resolver na vosa libreta algúns exercicios para practicar.
Recorda poñer a data,  a páxina e o enunciado de cada tarefa (Páx 85. Ex. 1 e 2),
así como  os pasos para realizar  problemas (DATOS, OPERACIÓNS e SOLUCIÓN).
Moito ánimo e unha forte aperta. 

martes, 17 de marzo de 2020

Deporte e Cine

Recomendación de  pelis interesantes vinculadas ao deporte.


Especialmente interesante paréceme esta curtametraxe, que transmite os verdadeiros valores do deporte. Un saúdo.

L´EQUIP PETIT




Merenda saudable: Batido de fresas e plátano.

Como é moi probable que a nosa actividade física se vexa reducida estes días, vai ser moi importante coidar a alimentación. Así que propóñovos que probedes a elaborar os vosos batidos coas froitas que máis vos gusten. Un exemplo é este batido de fresa e plátano. Para convertilo en "smoothie" só necesitas empregar 2 ou 3 pedras de xeo. 
Xa me contaredes que vos parece. 

Reto dos dedos tolos!

Como vos avanzei, irei deixando por aquí algunhas actividades, retos ou tarefas para que, si vos parece, poñades en práctica estes días. Comezamos co reto dos dedos tolos, que mellorará a vosa coordinación, a concentración e a lateralidade. A que esperades para retar as vosas familias?


Se consiguedes superar este reto, déixovos este vídeo de ximnasia cerebral na que atoparedes máis retos e sigades mellorando a coordinación disociada. Gustaríame que participaredes nos comentarios, así que xa me contaredes se vos resultaron difícles ou doados. Unha aperta!


Horario durante a corentena

Déixovos por aquí unha proposta para organizar a semana. Agardo que vos sexa de axuda e vos permita  levar do mellor xeito posible estes días sen saír da casa.
Moito ánimo familias!!!

Hora
Luns
Martes
Mércores
Xoves
Venres
9 :00
HIXIENE PERSOAL E ALMORZO
Pasar o día na casa non debe implicar estar sempre en pixama!
 Comeza o día realizando un almorzo saudable. 
Como terás máis tempo, é bo momento para probar novos alimentos.

10:00
TAREFAS ESCOLARES
Recorda que non estamos de vacacións e  cada un de nós debe realizar as súas obrigas.
Fainas sempre no mesmo lugar, concentrado e se tes dúbidas os profes trataremos de aclaralas dende a distancia.

12:00
 EDUCACIÓN FÍSICA NA CASA
É o momento de activarnos con algunhas das tarefas,  actividades e xogos que poderedes encontrar no blog.
13:00
TAREFAS NO FOGAR
Toca cooperar na realización das tarefas domésticas.
Agora pasaremos máis tempo na casa polo que debemos ser máis responsables á hora de facer a cama, ordear a casa, poñer e recoller a mesa, realizar tarefas no xardín, etc.

14:00
COMIDA
Recorda que alimentarte ben é moi importante, por iso inclúe na túa dieta auga e moitas froitas e verduras.

15:30
TAREFAS ESCOLARES (II)
Despois de descansar un chisco, segue coas tarefas pendentes. Toca seguir aprendendo!
Tamén podes ler  libros,  tocar algún instrumento, bailar, facer manualidades, pintar ou debuxar.

17:30
MERENDA
No blog deixareivos algunhas ideas saudables, que fagan as vosas merendas máis nutritivas e divertidas.

18:30
XOGO e TEMPO LIBRE
Desfruta daquilo que máis che gusta e intenta non abusar das pantallas.

19:30
HIXIENE PERSOAL
É o momento de asearse e darse unha refrescante ducha.   

20:30
CEA e a DESCANSAR
Despois de cear repousa tranquilamente e quizais sexa o intre adecuado para relaxarte lendo un dos teus libros favoritos.

lunes, 16 de marzo de 2020

Mellorando as multiplicacións

Moi boas rapaces e rapazas, que tal vai o voso día?
Eu estou traballando a contrarreloxo para que poidades seguir mellorando as habilidades matemáticas dende as vosas casas.
Malia que levástedes o libro, de momento ímolo deixar aparcado e centrarémonos  estes días en aprender definitivamente tódalas táboas de multiplicar.  Para comezar, quero que vexades con atención estes dous vídeos onde se dan trucos para aprender as táboas do 6, 7, 8 e 9.



TRUCOS PARA AS TÁBOAS DO 6, 7, 8 E 9. 



TRUCOS PARA MULTIPLICAR POR 9.

Intentade agora poñer en práctica estes trucos nos xogos interactivos que vos propoño. Picade no enlace que segue e recorda que se tes dúbidas coas táboas anteriores (2, 3, 4 e 5) podes practicar xogando ata conseguir os diplomas de cada unha delas.


https://www.tablasdemultiplicar.com/


https://www.mundoprimaria.com/recursos-educativos/tablas-de-multiplicar


Moito ánimo campións, unha aperta!

viernes, 13 de marzo de 2020

Comunicación coas familias!

Unha vez que confirme que tódalas familias recibístedes a información por ABALAR, colgarei nesta web a proposta de actividades a desenvolver durante estes días. Para calquera consulta tedes o meu correo electrónico. Moitísimo ánimo, paciencia e a coidarse. Un saúdo.