martes, 17 de marzo de 2020

Merenda saudable: Batido de fresas e plátano.

Como é moi probable que a nosa actividade física se vexa reducida estes días, vai ser moi importante coidar a alimentación. Así que propóñovos que probedes a elaborar os vosos batidos coas froitas que máis vos gusten. Un exemplo é este batido de fresa e plátano. Para convertilo en "smoothie" só necesitas empregar 2 ou 3 pedras de xeo. 
Xa me contaredes que vos parece. 

Reto dos dedos tolos!

Como vos avanzei, irei deixando por aquí algunhas actividades, retos ou tarefas para que, si vos parece, poñades en práctica estes días. Comezamos co reto dos dedos tolos, que mellorará a vosa coordinación, a concentración e a lateralidade. A que esperades para retar as vosas familias?


Se consiguedes superar este reto, déixovos este vídeo de ximnasia cerebral na que atoparedes máis retos e sigades mellorando a coordinación disociada. Gustaríame que participaredes nos comentarios, así que xa me contaredes se vos resultaron difícles ou doados. Unha aperta!


Horario durante a corentena

Déixovos por aquí unha proposta para organizar a semana. Agardo que vos sexa de axuda e vos permita  levar do mellor xeito posible estes días sen saír da casa.
Moito ánimo familias!!!

Hora
Luns
Martes
Mércores
Xoves
Venres
9 :00
HIXIENE PERSOAL E ALMORZO
Pasar o día na casa non debe implicar estar sempre en pixama!
 Comeza o día realizando un almorzo saudable. 
Como terás máis tempo, é bo momento para probar novos alimentos.

10:00
TAREFAS ESCOLARES
Recorda que non estamos de vacacións e  cada un de nós debe realizar as súas obrigas.
Fainas sempre no mesmo lugar, concentrado e se tes dúbidas os profes trataremos de aclaralas dende a distancia.

12:00
 EDUCACIÓN FÍSICA NA CASA
É o momento de activarnos con algunhas das tarefas,  actividades e xogos que poderedes encontrar no blog.
13:00
TAREFAS NO FOGAR
Toca cooperar na realización das tarefas domésticas.
Agora pasaremos máis tempo na casa polo que debemos ser máis responsables á hora de facer a cama, ordear a casa, poñer e recoller a mesa, realizar tarefas no xardín, etc.

14:00
COMIDA
Recorda que alimentarte ben é moi importante, por iso inclúe na túa dieta auga e moitas froitas e verduras.

15:30
TAREFAS ESCOLARES (II)
Despois de descansar un chisco, segue coas tarefas pendentes. Toca seguir aprendendo!
Tamén podes ler  libros,  tocar algún instrumento, bailar, facer manualidades, pintar ou debuxar.

17:30
MERENDA
No blog deixareivos algunhas ideas saudables, que fagan as vosas merendas máis nutritivas e divertidas.

18:30
XOGO e TEMPO LIBRE
Desfruta daquilo que máis che gusta e intenta non abusar das pantallas.

19:30
HIXIENE PERSOAL
É o momento de asearse e darse unha refrescante ducha.   

20:30
CEA e a DESCANSAR
Despois de cear repousa tranquilamente e quizais sexa o intre adecuado para relaxarte lendo un dos teus libros favoritos.

lunes, 16 de marzo de 2020

Mellorando as multiplicacións

Moi boas rapaces e rapazas, que tal vai o voso día?
Eu estou traballando a contrarreloxo para que poidades seguir mellorando as habilidades matemáticas dende as vosas casas.
Malia que levástedes o libro, de momento ímolo deixar aparcado e centrarémonos  estes días en aprender definitivamente tódalas táboas de multiplicar.  Para comezar, quero que vexades con atención estes dous vídeos onde se dan trucos para aprender as táboas do 6, 7, 8 e 9.



TRUCOS PARA AS TÁBOAS DO 6, 7, 8 E 9. 



TRUCOS PARA MULTIPLICAR POR 9.

Intentade agora poñer en práctica estes trucos nos xogos interactivos que vos propoño. Picade no enlace que segue e recorda que se tes dúbidas coas táboas anteriores (2, 3, 4 e 5) podes practicar xogando ata conseguir os diplomas de cada unha delas.


https://www.tablasdemultiplicar.com/


https://www.mundoprimaria.com/recursos-educativos/tablas-de-multiplicar


Moito ánimo campións, unha aperta!

viernes, 13 de marzo de 2020

Comunicación coas familias!

Unha vez que confirme que tódalas familias recibístedes a información por ABALAR, colgarei nesta web a proposta de actividades a desenvolver durante estes días. Para calquera consulta tedes o meu correo electrónico. Moitísimo ánimo, paciencia e a coidarse. Un saúdo.

viernes, 10 de enero de 2020

DATCHBALL

Durante algunhas sesións deste mes de xaneiro, imos a practicar un deporte novidoso para algúns de vós. Moi semellante ao brilé, déixovos aquí este vídeo que  recolle normas básicas deste deporte. 

Cross comarcal Portas 2019

Vídeo conmemorativo da participación dos nosos atletas nunha edición máis de campo a través. A diferencia doutros anos, o día acompañounos e puidemos disfrutar dun marabilloso día de deporte e convivencia con outras escolas da contorna. Noraboa a todos e todas polo voso esforzo e dedicación. Para o ano máis e mellor!

Magosto 2019 en Tremoedo.